Sunday 05 de May de 2024

O Concello redacta as condicións de acceso e uso das 12 vivendas de alugueiro e emerxencia social cedidas pola SAREB


• As ordenanzas na que se detallan os requisitos e a taxa pola utilización das vivendas levarán a pleno para a súa aprobación inicial.

• A taxa mensual é de 150 euros e non se esixirá fianza.

• Manuel Vázquez Faraldo lembrou que “esta é unha iniciativa pioneira en Galicia e unha mostra máis das políticas sociais que está a levar a cabo este goberno local”.

O Concello de Miño levará este xoves, 17 de xuño, a pleno a aprobación inicial das ordenanzas que regularán tanto as condicións, requisitos de acceso e o réxime de uso das 12 vivendas para alugueiro e emerxencia social cedidas en convenio pola SAREB como a taxa para satisfacer pola súa utilización.
Así, quedarán reguladas as condicións, os requisitos de acceso ou o procedemento de adxudicación e o réxime de uso das vivendas que o Concello de Miño dispoña para atender a necesidade de alugueiro social a familias que demandan unha vivenda cunha renda adecuada e tamén para a ocupación temporal dunha vivenda por familias en circunstancias que requiren dun aloxamento inmediato con carácter provisional.

O Concello habilitará sucesivos prazos para as solicitudes de alugueiro e emerxencia social. As persoas interesadas deben formalizar a solicitude no rexistro e a lista irase publicando e renovando cada seis meses. A taxa mensual é de 150 euros, a pagar por anticipado nos 5 primeiros días de cada mes, e non se esixirá fianza. Os inquilinos deberán abonar os gastos e consumos orixinados como consecuencia da utilización da vivenda.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, lembrou que “esta é unha iniciativa pioneira en Galicia e unha mostra máis das políticas sociais que está a levar a cabo este goberno local que non quere deixar a ninguén atrás” e agradeceu de novo a boa vontade da SAREB xa que “a burbulla inmobiliaria deixou un número importante de vivendas baleiras en Miño, e outras sen acabar, polo que estamos a lle dar a volta ao caos de vivendas baleiras que nos atopamos ao chegar ao goberno hai 2 anos”.

Requisitos de acceso
Os requisitos para acceder a unha das vivendas de alugueiro social os requisitos son: ser maior de idade, acreditar a residencia en Miño durante un período de polo menos 6 meses con anterioridade á data de solicitude, non ser titular dunha vivenda en todo o territorio nacional e non superar os ingresos máximos establecidos na ordenanza. O prazo de ocupación do inmoble será dun ano, podendo prorrogarse por prazos anuais ata os 3 anos e, posteriormente, ata os 5 anos.

No caso das vivendas de emerxencia social os requisitos que se deben cumprir son: falta efectiva de recursos económicos e patrimoniais cos que paliar de forma inmediata a necesidade de vivenda e non ser titular nin dispoñer dunha vivenda en todo o territorio nacional (non será de aplicación no caso de sentenza xudicial de separación ou divorcio). O prazo de ocupación non será superior aos 4 meses.